xoves, 30 de xullo de 2026

VAIXEL

No peirao os nenos inseríronlle nas velas e no mascarón de proa,

rumbos imaxinarios e seguía a travesía por soños descoñecidos

na proba abstracta do porrón de vidro,

para move-la rosa dos ventos no gobernallo

e crear, a eito, novos ronseis de fantasía.

 

Marchei singrar de novo as brancas horas, mornas,

do reloxo das ondas,

só pola cor azul do recendo da mar, que abrangue o tempo

dende o alén das idades e dos deuses.

 

Vivir nos soños baleiros argallando andrómenas incríbeis,

sen quen me retrotraia ao son das ás dos morcegos,

nin eu ser quen de me remontar no sino do facho amarelo,

neste enfebrecido fado etéreo, que herdei dos ventos,

nunha espiral, sen xeito, dándolle as mesmas voltas

ao mesmo veo, variando as cores e as transparencias,

navegando o mar de sempre, que sempre, sempre é outro

no milagre do alento, acendendo unha luz, nova cada día

                                               nos eidos do esquecemento.

 

Despois de ter o rumbo feito algo se torceu

no compás da balea piloto

e a manda acabou varada no taro, sen hálito.

 

Baixamar de auga doce na baía, berro inane  de chamada

ao fondo infindo azul,  perdéndose,

enguedellada nos cons da bocana

ao pé da atalaia.

 

As patas da garza negra escriben, sen luz, con letra miúda

enriba das ondas cantigas da amores prohibidos.

Bicos roubados á vertixe do cantil branco.

 

Fun buscar máis soños e non achei a saída de volta.