"abelorios de acibeche"
Furtiva, deixei a palabra e marchei sen
aceno de adeus.
Baixo
da ponte o río.
Fraxilidade
nas mans, etérea a voz rexa,
para darche toda a forza e o feitizo dos
soños belidos,
cantigas de auga, feridas de lume na
maxia do albor.
Cando cala o espello espésase o silencio
da soidade,
así se esvaece o espírito, do que había
que entender,
da
beleza do segredo da palabra máxica.
Díxome a meiga, sorrindo ao cruzarnos
camiño da fonte.
Rebentaban os cágados a tona das
pucharcas,
facendo
ferve-la auga.
Pecharon as portas da fonte negra para
que non se ouvira
o
borboriñar do remuíño no sumidoiro.
Axexando
a palabra na boscaxe da verba
hai un espírito
transparente, que esvara nas paredes.
Cada vez doe máis, cando das, sen xeito,
cos soños do mar,
coas ondas contra o espello, que reflicte o murmurio,
pestanexa
e apágase a negro.